Viografía de Mariquiña

Sabías que… Mariquiña era a nena de Valle-Inclán que preferiu A Pobra a París?

Na Pobra do Caramiñal naceron catro dos seis fillos e fillas, e unha delas, María de la Encarnación Beatriz Baltasara del Valle-Inclán, nada en 1919 no casal da Mercé, decidiu quedar para sempre.

Dona Mariquiña, ese era o seu alcume familiar, faleceu en París en 2003, pero sempre quixo que a súa última viaxe fose ó lugar en que naceu, onde estaban as súas orixes. Así que o seu fillo, Jorge Devoto del Valle-Inclán, comezou a move-los cordeis para leva-los restos de súa nai á Pobra. En 2007 logrou enterrar a Mariquiña xunto ó seu marido, Daniel Jesús Devoto, no cemiterio parroquial de Santo Isidro de Posmarcos, pechando así o círculo da súa vida. Pero, entremedias, a existencia da cuarta filla do escritor non estivo exenta de vicisitudes que a levaron a cruza-lo charco e a voltar á Europa anos máis tarde para se asentar definitivamente en Francia.

A súa biografía fala dunha muller moi vinculada ó mundo da cultura, tanto por quen era seu pai coma polo seu marido, un dos grandes escritores da Xeración do 40 da Arxentina. Entre as amizades que cultivou figuran, en distintas épocas, nomes como os de Isabel García Lorca, irmá menor do poeta granadino; Laura de los Ríos, filla de Fernando de los Ríos, ministro da República; Clara Campoamor; Rosa Chacel ou Zenobia Camprubí, muller de Juan Ramón Jiménez.

Mariquiña sempre estivo moi unida a Valle-Inclán, a quen «quería profundamente», e con el foi a Roma cando o nomearon director da Academia Española de Belas Artes. Trala morte do dramaturgo foise a Barcelona xunto a súa nai, Josefina Blanco Tejerina, dende onde se trasladou a Navarra para pasar a Francia fuxindo da Guerra Civil. De novo tivo que escapar, esta vez rumbo á América, dende o porto La Rochelle, cando estalou o conflito mundial. Tras pasar por Chile, chegou á Arxentina, onde, ó parecer, estivo moi arroupada pola comunidade exiliada por ser filla de Valle-Inclán.

Alí coñeceu o seu marido, e a mediados dos cincuenta puxeron rumbo a Francia porque o intelectual Devoto comezaba a ser «molesto» polas súas simpatías a favordo bando aliado nunha Arxentina condescendente co nazismo. En 1958 estabelecéronse definitivamente en París, onde tanto ela coma el morreron a principios da década pasada.

Entre tanto, realizou distintas viaxes á Galiza e á Pobra do Caramiñal. E a primeira foi en setembro de 1954, cando visitou as súas vellas amizades na Pobra, entre elas Victoriano García Martí, por quen sentía unha «grande admiración».

Volvería de novo á Galiza nos anos 70, ata que en 2007 realizou a súa derradeira viaxe. Dona Mariquiña recordaba con moito cariño a súa infancia e sempre reiterou o seu desexo de regresar á Pobra do Caramiñal para se enterrar no mesmo lugar en que nacera. Hai doce anos recibiu sepultura no camposanto pobrense de Santo Isidro xunto ó seu marido na máis estrita intimidade.

Facémonos eco dun artigo do xornal La Voz de Galicia publicado no ano 2014.

Fotografía de Alfonso Sánchez Portela de 1932. A rapaza máis pequena é Mariquiña.

#MuseoValleInclándaPobradoCaramiñal #APobradoCaramiñal

Deja un comentario